Nos últimos anos o esgotamento por sobre explotación dos recursos mariños existentes nos distintos caladoiros do mundo, inclusive aqueles que están regulados internacionalmente via FAO a través das Zonas Rexionais de Pesca (Regional Fishery Bodies) , é un feito constatado e continuo que está levando a un paulatino declive a áreas de pesca tradicionais. Se ben este é un feito indiscutible, non o é menos o que unha porcentaxe moi elevada das capturas sexan consideradas como descartes: é dicir, especies de gran valor organoléptico intrínseco, pero que por certas razóns como poden ser a súa comedida biomasa ou a súa pouca afinidade cos usos gastronómicos dos países consumidores, non adquiren o suficiente valor engadido como para ser comercializados.

Actualmente non só se fala da necesidade imperiosa de aproveitar estes descartes, senón da posibilidade de rendibilizar o que poderíamos englobar baixo a denominación de subproductos (vísceras, ollos, etc.). As investigacións dos últimos anos foron desvelando que eses refugallos conteñen sustancias de gran valor e potencial aplicación en distintos segmentos industriais: cosmética, alimentación, farmacia, etc. É así como se fala de ácidos polinsaturados omega 3, concentrados proteicos (FPC), péptidos bioactivos, ingredientes funcionais, etc.

Paralelamente , o estancamento e declive dos principais caladoiros, unido ao incremento demográfico da poboación a nivel mundial e ao aumento da demanda de productos elaborados en base a derivados da pesca, desencadenou un desenvolvemento sostido e ascendente da actividade en torno á acuicultura. Cada vez é maior o rango de especies susceptibles de ser cultivadas e, igualmente, maior é tamén o grao de producción. Tal avalancha supón a necesidade de dispor de materias primas adecuadas para a elaboración de pensos destinados á acuicultura . Esta necesidade non é sinxela de cubrir en base a proteínas animais (aportan mellor absorción intestinal, o que implica menores doses para lograr os mesmos obxectivos)  e, de feito, existe unha tendencia crecente a buscar materias primas alternativas de orixe vexetal que supostamente aportan o mesmo grao nutricional que aquelas xa mencionadas de orixe animal.

A nutrición de peixes e crustáceos converteuse nunha das áreas de investigación e desenvolvemento mais importantes dentro da acuicultura. Dita nutrición, xeralmente, constitúe a fracción mais significativa dentro do presuposto das empresas adicadas ao cultivo destes organismos. Ademais dos requirimentos nutricionais: proteínas, lípidos, carbohidratos, vitaminas e minerais, nas dietas destinadas a acuicultura, engádense pigmentos carotenoides, fundamentalmente Cantaxantina e Astaxantina de orixe sintético e elevado custo, co fin de mellorar as características organolépticas (producir un incremento na pigmentación da carne –asalmonamento- na cor dos crustáceos e larvas), aumentando así o seu valor comercial, e conseguir un efecto probiótico (efecto antioxidante).

Entre a materia prima animal actualmente desaproveitada e froito da manipulación a bordo de buques conxeladores, atópase o cefalotórax do Cangrexo Vermello (Chionoecetes opilio: Brachyura: Majidae), crustáceo suxeito a pescas controladas pola FAO e de distribución circunantártica, que se alimenta de algas, crustáceos e moluscos, e que, presumiblemente, aportaría tódolos nutrintes necesarios en acuicultura anteriormente mencionados, motivo polo que podería sen dúbida pasar a ser unha fonte animal sostible de materia prima utilizada na elaboración de pensos destinados a acuicultura.

Os obxectivos do presente proxecto consisten na valorización analítica (proteínas e aminoácidos proteinoxénicos, lípidos, ácidos graxos saturados, mono e poliinsaturados, vitaminas, cinzas e elementos minerais de interese, especialmente calcio e fósforo, carotenoides e quitina) deste recurso e a súa aplicación inmediata na fabricación de pensos.